| CIG - Secretaría Confederal de Formación Sindical
|
| TÍTULO I - Da liberdade
sindical |
Artigo 1 1. Todos os traballadores teñen
direito a sindicaren-se libremente para a promoción e defensa
dos seus intereses económicos e sociais. 2. Para os efeitos
desta Lei, consideran-se traballadores tanto aqueles que sexan
suxeitos dunha relación laboral como aqueles que o sexan dunha
relación de carácter administrativo ou estatutário ao servizo
das Administracións Públicas. 3. Quedan exceptuados do exercício
deste direito os membros das Forzas Armadas e dos Institutos
Armados de carácter militar. 4. De acordo co disposto no artigo
127.1 da Constitución, os Xuíces, Maxistrados e Fiscais non
poderán pertencer a sindicato nengun mentres estean en activo. 5.
O exercício do direito de sindicación dos membros de Corpos e
Forzas de Seguridade que non teñan carácter militar rexerá-se
pola sua normativa específica, dado o carácter armado e a
organización xerarquizada destes Institutos.
Artigo 2 1. A liberdade sindical
comprende: a) O direito a fundar sindicatos sen autorización prévia,
asi como o direito a suspendé-los ou extingui-los, por
procedimentos democráticos. b) O direito do traballador a
afiliar-se ao sindicato da sua eleición, coa soa condición de
observar os estatutos deste, ou a separar-se do que estivese
afiliado, non podendo ninguén ser obrigado a afiliar-se a un
sindicato. c) O direito dos afiliados a elexeren libremente os
seus representantes dentro de cada sindicato. d) O direito á
actividade sindical. 2. As organizacións sindicais no exercício
da liberdade sindical teñen direito a: a) Redactar os seus
estatutos e regulamentos, organizar a sua administración interna
e as suas actividades e formular o seu programa de acción. b)
Constituir federacións, confederacións e organizacións
internacionais, asi como afiliar-se a elas e retirar-se destas. c)
Non ser suspendidas nen disoltas senón mediante resolución
firme da Autoridade Xudicial, fundada en incumprimento grave das
leis. d) O exercício da actividade sindical na empresa ou fóra
dela, que comprenderá, en todo caso, o direito á negociación
colectiva, o exercício do direito de folga, a apresentación de
conflitos individuais e colectivos e a apresentación de
candidaturas para a eleición dos Comités de Empresa e Delegados
de Persoal, e dos correspondentes órgaos das Administracións Públicas,
nos termos previstos nas normas correspondentes.
Artigo 3 1. Mália o disposto no artigo 1º.2,
os traballadores por conta própria que non teñan traballadores
ao seu servizo, os traballadores en paro e os que teñan cesado
na sua actividade laboral, como consecuéncia da sua incapacidade
ou xubilación, poderán afiliar-se ás organizacións sindicais
constituídas consonte ao exposto nesta Lei, pero non fundar
sindicatos que teñan precisamente por obxecto a tutela dos seus
intereses singulares, sen prexuízo da sua capacidade para
constituir asociacións ao abeiro da lexislación específica. 2.
Quen posua cargos directivos ou de representación no sindicato
ao que estea afiliado non poderá desempeñar, ao mesmo tempo,
nas Administracións Públicas cargos de libre designación de
categoria de Director Xeral ou asimilados, asi como calquer outro
de rango superior.
| TÍTULO II - Do réxime xurídico
sindical |
Artigo 4 1. Os sindicatos constituídos
ao abeiro desta Lei, para adquiriren a personalidade xurídica e
plena capacidade de obrar, deberán depositar, por meio dos seus
promotores ou dirixentes, os seus estatutos na oficina pública
estabelecida para o efeito. 2. As normas estatutárias conterán,
cando menos: a) A denominación da organización, que non poderá
coincidir nen inducir a confusión con outra legalmente
rexistrada. b) O domicílio e ámbito territorial e funcional de
actuación do sindicato. c) Os órgaos de representación,
governo e administración e o seu funcionamento, asi como o réxime
de provisión eleitiva dos seus cargos, que terán de axustar-se
a princípios democráticos. d) Os requisitos e procedimentos
para a adquisición e perda da condición de afiliados, asi como
o réxime de modificación de estatutos, de fusión e disolución
do sindicato. e) O réxime económico da organización que
estabeleza o carácter, procedéncia e destino dos seus recursos,
asi como os meios que lles permitan aos afiliados coñeceren a
situación económica. 3. A oficina pública disporá, no prazo
de dez dias, a publicidade do depósito e o requerimento aos seus
promotores, por unha soa vez, para que no prazo máximo doutros
dez dias emenden os defeitos observados. Transcorrido este prazo,
a oficina pública disporá a publicidade ou rexeitará o depósito
mediante resolución exclusivamente fundada na caréncia dalgun
dos requisitos mínimos a que se refere o número anterior. 4. A
oficina pública dará publicidade ao depósito no seu taboleiro
de anúncios, no Boletin Oficial correspondente indicando, cando
menos, a denominación, o ámbito territorial e funcional, a
identificación dos promotores e asinantes da acta de constitución
do sindicato. A inserción nos respectivos Boletins será
disposta pola oficina pública no prazo de dez dias e terá carácter
gratuíto. 5. Calquer persoa estará facultada para examinar os
estatutos depositados, debendo ademais a oficina facilitar a quen
asi o solicite cópia autentificada destes. 6. Tanto a Autoridade
Pública, como quen acredite un interese directo, persoal e lexítimo,
poderá promover perante a Autoridade Xudicial a declaración de
non conformidade a direito de caisquer estatutos que fosen
obxecto de depósito e publicación. 7. O sindicato adquirirá
personalidade xurídica e plena capacidade de obrar,
transcorridos vinte dias hábeis desde o depósito dos estatutos.
8. A modificación dos estatutos das organizacións sindicais xa
constituídas axustará-se ao mesmo procedimento de depósito e
publicidade regulado neste artigo.
Artigo 5 1. Os sindicatos constituídos
ao abeiro desta Lei responderán polos actos ou acordos adoptados
polos seus órgaos estatutários na esfera das suas respectivas
competéncias. 2. O sindicato non responderá por actos
individuais dos seus afiliados, agás aqueles que se produzan no
exercício regular das funcións representativas e se probe que
os ditos afiliados actuaban por conta do sindicato. 3. As cotas
sindicais non poderán ser obxecto de embargo. 4. Os sindicatos
constituídos ao abeiro desta Lei poderán beneficiar-se das
isencións e bonificacións fiscais que legalmente se estabelezan.
| TÍTULO III - Da
representatividade sindical |
Artigo 6 1. A maior representatividade
sindical recoñecida a determinados sindicatos confere-lles unha
singular posición xurídica para efeitos tanto de participación
institucional como de acción sindical. 2. Terán a consideración
de sindicatos máis representativos a nível estatal: a) Os que
acrediten unha especial audiéncia, expresada na obtención, no
dito ámbito, do 10 por 100 ou máis do total de delegados de
persoal, dos membros dos comités de empresa e dos
correspondentes órgaos das Administracións Públicas. b) Os
sindicatos ou entes sindicais, afiliados, federados ou
confederados a unha organización sindical de ámbito estatal que
teña a consideración de máis representativa de acordo co
previsto na letra a). 3. As organizacións que teñan a
consideración de sindicato máis representativo segundo o número
anterior gozarán de capacidade representativa a todos os níveis
territoriais e funcionais para: a) Posuir representación
institucional ante as Administracións públicas ou outras
entidades e organismos de carácter estatal ou de Comunidade Autónoma
que a teñan prevista. b) A negociación colectiva, nos termos
previstos no Estatuto dos Traballadores. c) Participar como
interlocutores na determinación das condicións de traballo nas
Administracións públicas através dos oportunos procedimentos
de consulta ou negociación. d) Participar nos sistemas non
xurisdicionais de solución de conflitos de traballo. e) Promover
eleicións para delegados de persoal e comités de empresa e órgaos
correspondentes das Administracións públicas. f) Obter cesións
temporais do uso de imóbeis patrimoniais públicos nos termos
que se estabelezan legalmente. g) Calquer outra función
representativa que se estabeleza.
Artigo 7 1. Terán a consideración de
sindicatos máis representativos no ámbito da Comunidade Autónoma:
a) Os sindicatos do dito ámbito que nel acrediten unha especial
audiéncia expresada na obtención de, cando menos, o 15 por 100
dos delegados de persoal e dos representantes dos traballadores
nos comités de empresa, e nos órgaos correspondentes das
Administracións públicas, sempre que conten cun mínimo de 1.500
representantes e non estean federados ou confederados con
organizacións sindicais de ámbito estatal; b) Os sindicatos ou
entes sindicais afiliados, federados ou confederados a unha
organización sindical de ámbito de Comunidade Autónoma que teña
a consideración de máis representativa de acordo co previsto na
letra a).
Estas organizacións gozarán de capacidade representativa para
exercer no ámbito específico da Comunidade Autónoma as funcións
e faculdades enumeradas no número 3 do artigo anterior, asi como
a capacidade para posuir representación institucional ante as
Administracións públicas ou outras entidades e organismos de
carácter estatal. 2. As organizacións sindicais que ainda non
tendo a consideración de máis representativas obtivesen, nun ámbito
territorial e funcional específico, o 10 por 100 ou máis de
delegados de persoal e membros de comités de empresa e dos
correspondentes órgaos das Administracións públicas, estarán
lexitimadas para exercitar, no dito ámbito funcional e
territorial, as funcións e faculdades a que se referen os
apartados b), c), d), e) e g) do número 3 do artigo 6º, de
acordo coa normativa aplicábel a cada caso.
| TÍTULO IV - Da acción
sindical |
Artigo 8 1. Os traballadores afiliados
a un sindicato poderán, no ámbito da empresa ou centro de
traballo: a) Constituir seccións sindicais de conformidade co
estabelecido nos estatutos do sindicato. b) Realizar xuntanzas,
tras notificación ao empresário, arrecadar cotas e distribuir
información sindical, fóra das horas de traballo e sen
perturbar a actividade normal na empresa. c) Receber a información
que lle remeta o seu sindicato. 2. Sen prexuízo do que se
estabeleza mediante convénio colectivo, as seccións sindicais
dos sindicatos máis representativos e dos que teñan
representación nos comités de empresa e nos órgaos de
representación que se estabelezan nas Administracións públicas
ou conten con delegados de persoal terán os seguintes direitos:
a) Coa finalidade de facilitar a difusión daqueles avisos que
podan interesar aos afiliados ao sindicato e aos traballadores en
xeral, a empresa porá á sua disposición un taboleiro de anúncios
que se deberá situar no centro de traballo e en lugar onde se
garanta un axeitado aceso a este dos traballadores. b) A
negociación colectiva, nos termos estabelecidos na sua lexislación
específica. c) A utilización dun local axeitado no que podan
desenvolver as suas actividades naquelas empresas ou centros de
traballo con máis de 250 traballadores.
Artigo 9 1. Quen posua cargos eleitivos a
nível provincial, autonómico ou estatal, nas organizacións
sindicais máis representativas terá direito: a) Ao desfrute dos
permisos non retribuídos necesários para o desenvolvimento das
funcións sindicais próprias do seu cargo, podendo-se
estabelecer, por acordo, limitacións ao desfrute destes en función
das necesidades do proceso produtivo. b) Á excedéncia forzosa,
ou á situación equivalente no ámbito da Función Pública con
direito a reserva do posto de traballo e ao cómputo da antigüidade
mentres dure o exercício do seu cargo representativo, debendo
reincorporar-se ao seu posto de traballo dentro do mes seguinte
á data do cesamento. c) Á asisténcia e ao aceso aos centros de
traballo para participar en actividades próprias do seu
sindicato ou do conxunto dos traballadores, logo de comunicación
prévia ao empresário, e sen que o exercício dese direito poda
interromper o desenvolvimento normal do proceso produtivo. 2. Os
representantes sindicais que participen nas Comisións
negociadoras de convénios colectivos, mantendo o seu
vencellamento como traballador en activo nalgunha empresa, terán
direito á concesión dos permisos retribuídos que sexan necesários
para o axeitado exercício do seu labor como negociadores, sempre
que a empresa estea afectada pola negociación.
Artigo 10 1. Nas empresas ou, se é o
caso, nos centros de traballo que ocupen a máis de 250
traballadores, calquer que sexa a clase do seu contrato, as seccións
sindicais que podan constituir-se polos traballadores afiliados
aos sindicatos con presenza nos comités de empresa ou nos órgaos
de representación que se estabelezan nas Administracións públicas
estarán representados, para todos os efeitos, por delegados
sindicais elexidos por e entre os seus afiliados na empresa ou no
centro de traballo. 2. Ben por acordo, ben através da negociación
colectiva, poderá-se ampliar o número de delegados
estabelecidos na escala á que se fai referéncia neste apartado,
que atendendo ao cadro de persoal da empresa ou, se é o caso,
dos centros de traballo corresponden a cada un destes. A falta de
acordos específicos ao respeito, o número de delegados
sindicais por cada sección sindical dos sindicatos que obtivesen
o 10 por 100 dos votos na eleición ao Comité de Empresa ou ao
órgao de representación nas Administracións públicas
determinará-se segundo a seguinte escala:
| De 250 a 750 traballadores |
1 |
| De 751 a 2.000 traballadores |
2 |
| De 2.001 a 5.000 traballadores |
3 |
| De 5.001 en diante |
4 |
As seccións sindicais daqueles sindicatos que non obtivesen o
10 por 100 dos votos estarán representadas por un só delegado
sindical. 3. Os delegados sindicais, no suposto de que non formen
parte do comité de empresa, terán as mesmas garantias que as
estabelecidas legalmente para os membros dos comités de empresa
e dos órgaos de representación que se estabelezan nas
Administracións públicas, asi como os seguintes direitos a
salvo do que se puidese estabelecer por convénio colectivo: 1º
Ter aceso á mesma información e documentación que a empresa poña
a disposición do comité de empresa, estando obrigados os
delegados sindicais a gardar segredo profisional naquelas matérias
en que legalmente proceda. 2º Asistir ás xuntanzas dos comités
de empresa e dos órgaos internos da empresa en matéria de
seguridade e hixiene ou dos órgaos de representación que se
estabelezan nas Administracións públicas, con voz, pero sen
voto. 3º Ser escoitados pola empresa previamente á adopción de
medidas de carácter colectivo que afecten aos traballadores en
xeral e aos afiliados ao seu sindicato en particular, e
especialmente nos despedimentos e sancións destes últimos.
Artigo 11 1. Nos convénios colectivos
poderán-se estabelecer cláusulas polas que os traballadores
incluídos no seu ámbito de aplicación atendan economicamente a
xestión dos sindicatos representados na comisión negociadora,
fixando un canon económico e regulamentando as modalidades do
seu aboamento. En todo caso, respeitará-se a vontade individual
do traballador, que se deberá expresar por escrito na forma e
prazos que se determinen na negociación colectiva. 2. O empresário
procederá ao desconto da cota sindical sobre os salários e á
correspondente transferéncia a solicitude do sindicato do
traballador afiliado e logo de conformidade, sempre, deste.
| TÍTULO V - Da tutela da
liberdade sindical e represión das condutas
antisindicais |
Artigo 12 Serán nulos e sen efeito os
preceitos regulamentários, as cláusulas dos convénios
colectivos, os pactos individuais e as decisións unilaterais do
empresário que conteñan ou supoñan calquer tipo de
discriminación no emprego ou nas condicións de traballo, sexan
favorábeis ou adversas, por razón da adesión ou non a un
sindicato, aos seus acordos ou ao exercício, en xeral, de
actividades sindicais.
Artigo 13 Calquer traballador ou
sindicato que considere lesionados os direitos de liberdade
sindical, por actuación do empregador, asociación patronal,
Administracións públicas, ou calquer outra persoa, entidade ou
corporación pública ou privada, poderá reclamar a tutela do
direito ante a xurisdición competente através do proceso de
protección xurisdicional dos direitos fundamentais da persoa.
Expresamente, considerarán-se lesións á liberdade sindical os
actos de inxeréncia consistentes en fomentar a constitución de
sindicatos dominados ou controlados por un empregador ou asociación
empresarial, ou en suster economicamente ou, noutra forma,
sindicato co mesmo propósito de control.
Artigo 14 O sindicato a que pertenza o
traballador presuntamente lesionado, asi como calquer sindicato
que posua a condición de máis representativo, poderá
apresentar-se como coadxuvante no proceso incoado por aquel.
Artigo 15 Se o órgao xudicial entendese
probada a violación do direito de liberdade sindical, decretará
o cesamento imediato do comportamento antisindical, asi como a
reparación conseguinte das suas consecuéncias ilícitas,
remetendo-lle as actuacións ao Ministerio Fiscal para os efeitos
de depuración de eventuais condutas delitivas.
Primeira (redactada conforme á Lei 11/1994)
1. Consonte ao previsto nos artigos 6 e 7 desta Lei e 75.7 do
Estatuto dos Traballadores, a condición de máis representativo
ou representativo dun sindicato comunicará-se no momento de
exercer as funcións ou faculdades correspondentes, achegando o
sindicato interesado a oportuna certificación expedida ao seu
requerimento pola Oficina Pública estabelecida para o efeito. En
matéria de participación institucional entenderá-se por
momento de exercício o de constitución do órgao e, se é o
caso, o de renovación dos seus membros. No suposto de que o órgao
correspondente non teña prevista unha renovación periódica dos
representantes sindicais, o sindicato interesado poderá
solicitar no mes de xaneiro, e cada tres anos a partir desa data,
a sua participación no órgao correspondente, achegando
certificación acreditativa da sua capacidade representativa. 2.
O Governo ditará as disposicións que sexan precisas para o
desenvolvimento do apartado a) do artigo 6.3 e do artigo 7.1
desta Lei e do previsto na disposición adicional sexta do
Estatuto dos Traballadores, sendo de aplicación á sua
capacidade representativa o previsto no segundo parágrafo do número
anterior.
Segunda 1. A duración do mandato dos
delegados de persoal, dos membros dos comités de empresa e de
quen forme parte dos órgaos de representación que se
estabelezan nas Administracións públicas será de catro anos,
podendo ser reelexidos en sucesivos períodos eleitorais. 2. No
prazo dun ano e en desenvolvimento do previsto no artigo 103.3º
da Constitución, o Governo remeterá ás Cortes un proxecto de
Lei no que se regulen os órgaos de representación dos funcionários
das Administracións Públicas.
Terceira O direito recoñecido no
apartado d) do número 1, artigo 2º, non se poderá exercer no
interior dos estabelecimentos militares. Para tal efeito,
determinará-se regulamentariamente o que teña que se entender
por estabelecimentos militares.
Cuarta (engadida pola L.O. 14/1994) Os
delegados de persoal e os membros do Comité de Empresa co
mandato prorrogado non se computarán para efeitos de determinar
a capacidade representativa dos artigos 6 e 7 da presente Lei.
Única Quedan derrogados a Lei 19/1977,
do 1 de abril, e o Real Decreto 837/1977, do 22 de abril, en todo
canto se opoña a esta Lei, permanecendo vixente a regulación
que conteñen as ditas normas referidas ás asociacións
profisionais e, en particular, ás asociacións empresariais das
que a sua liberdade de sindicación se recoñece para efeitos do
disposto no artigo 28.1º da Constitución española e nos convénios
internacionais subscritos por España.
Primeira 1. As organizacións
sindicais constituídas en aplicación da Lei 19/1977, do 1 de
abril, e que gocen de personalidade xurídica na data de entrada
en vigor desta Lei conservarán o direito á denominación sen
que, en nengun caso, se produza solución de continuidade na sua
personalidade, quedando automaticamente validadas. 2. A oficina pública
á que se refere o artigo 4º desta Lei queda estabelecida
organicamente no Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación
e nos órgaos correspondentes das Comunidades Autónomas no seu
respectivo ámbito territorial, cando teñan atribuída esta
competéncia. En todo caso, estas deberán remeter-lle, no prazo
previsto no artigo 4º.4, un exemplar da documentación
depositada ao IMAC.
Segunda Os preceitos contidos nas
disposicións adicionais primeira e segunda, na disposición
transitória e na disposición final primeira non teñen carácter
de Lei Orgánica.
Terceira Esta Lei entrará en vigor ao
dia seguinte da sua publicación no Boletin Oficial do Estado.
|