|
Co aprazamento do xuízo, pola declaración de Telefónica
da ilegalidade das folgas convocadas en O+M e PNP e da demanda do AST, sobre
a vulneración de dereitos sindicais, ata o próximo día
19 de decembro de 2005, os traballadores estamos recibindo unha serie de
mensaxes contraditorias que xeran máis confusión do conflito.
AS CAUSAS
Para a CIG é preciso analizar as causas que crean a conflitividade
para así darlle a saída axeitada:
1º AS DECISIÓNS DA EMPRESA
A Telefónica ten como principal liña empresarial a destrución
de emprego e o traslado da actividade ás contratas. A ferramenta
que concreta esa política é o ERE que leva adiante co aval
dos sindicatos maioritarios.
Esta política ten como consecuencia a falta de persoal para cubrir
a actividade en categorías e quendas e lévana a tomar dunha
serie de medidas que lle permitan atender as demandas de traballo:
Unificación de categorías,
Aumento de funcións,
Oferta indiscriminada de tarefas,
Eliminación de desprazamentos acompañados sen luz solar,
etc.
Estas decisións non sempre teñen en conta as normas de Seguridade
e Saúde. Todo de novo coa sinatura dos mesmos sindicatos que asinaron
o ERE. Desde a CIG cremos que a maioría dos traballadores rexeita
o acordo de traballos acompañados, ¿por que os sindicatos asinantes
non consultaron os traballadores afectados, antes de asinar, se estes aceptaban
ir sos sen luz natural?
Podemos concluír que a primeira e
principal causa da conflitividade son as decisións empresariais. Estas
xeran rexeitamento nunha parte moi importante do cadro de persoal, que decide
mobilizarse, amparándose na lei de folga.
A Empresa intenta cortar de raíz coa medida máis drástica,
10 despedimentos, que ademais son membros dos Comités de Folga.
2º A FALTA DE SERIEDADE E RESPONSABILIDADE DOS
SINDICATOS MAIORITARIOS.
A maioría no C.I ten a obriga de eliminar os despedimentos sen
contraprestacións para que non sexa unha chantaxe neste ou en
futuros conflitos.
Nos comunicados de CC.OO e UGT a Empresa nunca é a responsable dos
problemas, sempre o son os outros sindicatos.
Ata o 15 de novembro os despedidos non existían (para os sindicatos
maioritarios) só eran expedientados. Con ese argumento intentaron
boicotear a folga do día 30 de setembro. Cando a Empresa se ve obrigada
polo xuíz a negociar, esta responde cunha proposta que é unha
nova chantaxe. A maioría do C.I.. asume esta proposta sen antepoñer
unha propia dos traballadores.
A chantaxe consiste en:
*Non hai problemas (négaos)
*E, se existen, negóciaos nos grupos de traballo só cos sindicatos
maioritarios.
AS SOLUCIÓNS
1º Eliminar os despedimentos sen chantaxes.
2º Abrir vías de negociación sobre os conflitos coas
seguintes premisas:
- A negociación debe ser levada polos organismos
legais coa presenza de todos os sindicatos representados sen exclusións.
- É preciso contar coa opinión dos
traballadores afectados, para o que o C.I. e os Comités Provinciais
deben proporcionar os mecanismos de consulta necesarios.
POR UN FUTURO CON GARANTÍAS
DE EMPREGO
NON AOS DESPEDIMENTOS
SI Á SEGURIDADE NO TRABALLO
|