Benvidos á Sección Sindical da CIG en Telefónica


Actualizado: 20/01/2005

ACTUALIDADE
Galiza
CARPETAS
Comercial
SECCIÓNS

 





Ideario

Atrás

A NOSA PROPOSTA PERANTE AS ELECCIÓNS

20-09-2003

EMPREGO

Despois do intento da Empresa de segregar diversas áreas de actividade e transferir o património imobiliário de Telefónica de España S.A.U. a unha filial do grupo o ano pasado e, pendentes desa medida ou doutras que poida estar barallando a Dirección no obxectivo de desmantelar o modelo de empresa unha vez que pasen as eleicións sindicais, os postos de traballo de todos están un pouco máis en perigo.

-A CIG PROPUGNA A DEFENSA DO POSTO DE TRABALLO NA LOCALIDADE-

Para combater a estratéxia da empresa e para defender o emprego e as condicións laborais actuais é preciso contar coa máxima forza e aplicá-la na dirección correcta.  Nese obxectivo a CIG é a primeira que se oferece para conseguir a unidade de acción sindical.

 

PARTICIPACIÓN

Porque a CIG aposta polo reforzamento dos organismos de todos: Comités, Asembleas de Centro e Asembleas Xerais na defensa intransixente dos direitos e conquistas dos traballadores desta empresa que tanto esforzo custaron no pasado.

-VOTAR A CIG É FORTALECER A CAPACIDADE DE RESPOSTA E A PARTICIPACIÓN DE TODOS-

Cremos sinceramente que só coa participación activa na discusión e decisión dos problemas que nos afectan, coa posibilidade de que se contrasten con claridade as distintas posicións e argumentos, poderemos rachar coa dinámica actual de deterioración continuada do emprego e das nosas condicións laborais.

É esencial que os traballadores abandonen a comodidade de delegar nas cúpulas sindicais a defensa dos seus intereses e se impliquen na toma de posición desde a base.

-VOTAR CIG É UN AVAL PARA QUE A TUA OPINIÓN CONTE, VOTAR SINDICATOS CENTRALISTAS É PERDER A POSIBILIDADE DE DECIDIR-

A CIG sempre defendeu e seguirá a facé-lo agora, con máis forza se cabe, aqueles instrumentos que posibilitan a participación de todos e entre os máis valiosos están Comités de Empresa, as Asembleas de Centro e sobretodo as Asembleas Xerais.

 

NEGOCIACIÓN

Nos últimos convénios incrementou-se de maneira alarmante a inseguridade ao introducir-se inxustificada e abusivamente o conceito de negociación permanente, para subtraer da negociación colectiva e negociá-los en comisións ou subcomisións temas que deben quedar pechados no Convénio.

A CIG defende que o marco de negociación de todos os asuntos que teñen categoria de Normativa debe ser no proceso de Negociación Colectiva, para poder estabelecer discusión e debate entre todos, porque do contrário estaremos favorecendo a división e a míngua de capacidade de resposta e presión e a percepción de que cada área somos de empresas diferentes.

-O SINDICALISMO DE SALÓN E A NEGOCIACIÓN PERMANENTE SON UN PERIGO PARA OS TRABALLADORES-

Para a CIG só desde a prática do sindicalismo de salón se pode defender que tanto ten negociar nunha mesa da negociación colectiva que nunha comisión mixta. Estas comisións só teñen sentido para negociar a aplicación do acordado en Convénio ou estabelecido en Normativa, e se cadra, estudar posíbeis modificacións a introducir na negociación do seguinte convéni o.

-A NEGOCIACIÓN DO CONVÉNIO DEBE REMATAR CANDO SE ASINA-

Esta posición é ás veces motivo de crítica demagóxica por parte dalgun sindicato: apón-se-nos que cando se negócian os Convénios adoitamos estar en contra e que despois nos volvemos defensores intransixentes. Se estamos en desacordo cos convénios propostos para asinar é porque os consideramos insuficientes ou porque renúncian a direitos que xa temos. Unha vez asinados, ainda que estivésemos en contra, son a referéncia existente e non aceitamos que se rebaixe algo que está estabelecido en Convénio.

 

IGUALDADE DE DIREITOS

A defensa dos direitos dos traballadores é incompatíbel coa busca ou aceitación de prebendas. As normas a aplicar deben ser as mesmas para todos, pois senón estamos ante o caciquismo máis indigno. Ademais é a única maneira de garantir a igualdade de trato para todos os traballadores e o respeito por parte da empresa da Normativa e Convénio.

Cada vez que se aceita intercambiar renúncias a que se cumpra a Normativa por favores particulares para favorecer a algun afiliado, están-se a pór nas mans da empresa argumentos para incumpri-la.

-VOTAR CIG É APOSTAR POLO SINDICALISMO NECESÁRIO-

Cada vez que alguén se achega a un sindicato buscando prebendas e priviléxios está a destruir a eséncia mesma do sindicalismo, como ferramenta para a defensa dos direitos de todos.

A CIG defende igualdade e direitos colectivos para todos fronte priviléxios para uns poucos.

 

EMPRESA COLABORADORA E SEGURO DE SOBREVIVÉNCIA

A CIG defende o direito de resgate para os beneficiários do seguro de sobrevivéncia, porque este direito viña recollido nas pólizas e porque protexe o traballador fronte á insolvéncia ou quebra do empresário, e fará o posíbel para evitar que se consume a expropriación que impuxo a Empresa co visto e prace de CCOO e UGT.

-VOTAR CIG É APOSTAR POR SOLUCIÓNS XUSTAS PARA A E. COLABORADORA E SEGURO DE SOBREVIVÉNCIA-

A desaparición da E. Colaboradora encaixa na política de desmantelar direitos impulsado polo PP e que coincide co interese de Telefónica através de Antares de entrar no sector da sanidade privada, e de librar-se dos pasivos (situación á que todos chegaremos) e dos que non obtén nengun benefício por mellorar-lle as prestacións sanitárias da S.S. Para a CIG o modelo que substitua a Colaboradora debe respeitar todos os direitos, para todo o colectivo afectado, incluindo os beneficiários.

 

RESPONSABILIDADE

Os sindicatos maioritários estatais apresentan-se-nos como organizacións con solucións para todos os problemas que xorden, cando en realidade o que fan é asumir as liñas mestras das pretensións da empresa e logo negociar dentro do marco definido pola Dirección. Os froitos desta prática todos os coñecemos.

Telefónica non ten límite para a destrución de postos de traballo, para a transformación en emprego precário, para a liquidación de direitos, para o incumprimento da Normativa. A realidade é que o cadro de persoal de Telefónica de España SAU é cada ano máis reducido e máis vulnerábel.

-VOTAR CIG É APOSTAR POR UN SINDICALISMO RESPONSÁBEL-

A CIG entende que aceitar esta dinámica non é achegar solucións, senón axudar á estratéxia empresarial.

Solucións son garantir o emprego estábel en TESAU, presionar a dirección para que se recupere efectivamente actividade, impedir que a empresa salte un dia si e outro tamén o convénio, conquistar direitos en vez de felicitar-nos por perdé-los máis lentamente do que a empresa quixera....

 

-VOTA CIG, POLO TEU FUTURO-


 
   
 Confederación Intersindical Galega
   

Subir